Saturday 04 de May de 2024

O concello dá solución a un problema de circulación viaria coa compra dunha casa na zona de Fondevila


Cúmprese así unha vella demanda dos veciños de Fondevila

Santa Uxía de Riveira, 11 de setembro de 2018.- No transcurso da mañá de hoxe fíxose efectiva a compra por parte do concello dun inmoble situado entre a rúa Fondevila e a rúa Álvaro Cunqueiro. A sinatura notarial realizouse entre os propietarios da vivenda e o Alcalde do Concello de Riveira, Manuel Ruiz.
Dita vivenda unifamiliar de dúas plantas, con mais de 100 anos de antigüidade, invade na súa totalidade o viario fixado polo Plan Xeral de Ordenación Municipal, dificultando a circulación dos vehículos. Coa súa adquisición o que se pretende é destinala a espazo público, o que suporía un desafogo para a circulación desa zona.
Nestes momentos, ese é un lugar angosto, xa que se sitúa formando unha pechada curva, e imposibilita a circulación de vehículos, como poden ser os de emerxencias, libremente dende Fondevila. Ademais a zona atópase totalmente adoquinada, coas superficies destinadas a viario adquiridas e totalmente rematadas, a excepción do espazo que ocupa o citado inmoble, polo que feita a adquisición poderase finalizar e acondicionar na súa totalidade a urbanización da confluencia das dúas rúas.
Dende os servizos técnicos do concello xa se está traballando nas tramitacións administrativas para a realización e derribo da obra, que se farán efectivas nas vindeiras semanas.
O prezo da compravenda foi de 20.126,57 euros.